O COVID-19 tamén afecta ó sector. Velaquí as recomendacións da Xunta de Galicia.

 In COVID-19, Legislación, Pesquerías

Recomendacións para o desenvolvemento da actividade nos buques pesqueiros e auxiliares de acuicultura con porto base na comunidade autónoma de Galicia ata que existan instrucións directas e específicas emanadas por Sanidade Marítima (Instituto Social da Mariña, competente ao respecto) e Capitanías Marítimas, ante o estado de alerta polo COVID-19.

FLOTA DE ALTURA E GRAN ALTURA:
Se o buque saíu hai máis de 15 días para o mar e non se produciron contactos con persoal de terra ou non se efectuaron cambios na tripulación, poderíase continuar a marea a campaña sempre e cando se asegure a ausencia de contactos co exterior do buque de forma directa.

FLOTA DE LITORAL (arrastre, cerco e artes menores):
Na vista de que esta frota mantén un contacto diario con terra e que non se sobrepasou o período recomendado de illamento, recoméndase que os seus tripulantes extremen as medidas de hixiene e se sigan as recomendacións xerais para a cidadanía.

RECOMENDACIÓNS XERAIS:
CONTROL ACCESO e PREVIO EMBARQUE: o patrón ao mando ou persoa na que se delegue debería proceder a:
1. Verificación de que os tripulantes non tivesen contactos, previos ao embarque, de primeiro grado con algunha persoa afectada pola enfermidade e, no seu caso, recoméndase aprazar o seu embarque.
2. Verificación da ausencia de sintomatoloxía (febre, tose e problemas respiratorios e febre) dos tripulantes no momento do embarque.
3. Comprobación do estado dos tripulantes e da súa posible febre antes do embarque.
4. Sinalar a procedencia de non embarcar a aquelas persoas que teñan síntomas ou con especial sensibilidade á incidencia do coronavirus.

RECOMENDACIÓNS DE ORGANIZACIÓN DO BUQUE:
1. Na medida do posible, disposición de panos dun so uso e solucións ou toalliñas alcohólicas.
2. Na medida do posible, disposición de equipos respiratorios de protección individual fronte a partículas (mascariñas)..
3. Dispoñer un recipiente habilitado e pechado para a deposición de panos e outros elementos de limpeza persoal.
4. Transmisión a toda a tripulación da necesidade de manter especial incidencia das medidas de hixiene (lavado de mans, tose contra os cóbados e ausencia de aneis, pulseiras ou reloxos e outros adornos) e da necesidade de manter a maior distancia posible, evitando os contactos persoais.
5. Aumento da frecuencia de limpeza de instalacións comúns, de tránsito e uso persoal e da frecuencia de retirada de lixo, con especial incidencia na limpeza periódica de superficies de contacto habitual como maniñas de portas, interruptores, pasamáns, escaleiras, etc.
6. Distribución e organización para evitar presencia en instalacións comúns de máis de cinco (5) persoas, como, por exemplo, en comedores, áreas de descanso, mantendo en todo caso a distancia mínima de 1,5 metros entre persoas, procedendo a establecer quendas de comida se fose necesario.

ANTE SOSPEITA OU CASO POSITIVO DE CORONAVIRUS A BORDO:
Se existe a sospeita de que alguén da tripulación poda estar infectado deberase illar, colocar mascariña e contactar co Centro Radio Médico, quen deberá ditaminar se urxe unha evacuación e o seguimento do caso, así como as medidas de confinamento do afectado e os procedementos para o seu control.
Lémbrase a especial indicación de comunicar este feito á Autoridade Laboral pertinente.
De xeito especial e específica, atenderase de xeito particular a aquelas recomendacións e/ou indicacións e instrucións que emitan, de ser o caso, polas autoridades sanitarias e laborais competentes na materia, con especial incidencia de Sanidade Marítima ou Instituto Social da Mariña e/ou Capitanías Marítimas.

Serán de aplicación as normas establecidas pola Resolución de 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle da publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavírus COVID-19, así como na Resolución do 13 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavírus COVID-19.

Recommended Posts