“Bravas do Mar” xa está lista para a viaxe

Dende OPROMAR lanzamos o pasado mes de marzo a iniciativa “Bravas do Mar: Mulleres na pesca. Faenando cara á Igualdade”.

As Mulleres na Pesca foron históricamente ignoradas e en moitos casos menosprezadas. Este é o seu momento, o momento das Bravas do Mar, e por iso esta iniciativa ten tanta importancia. Porque agora toca Faenar cara á Igualdade.

Xa temos lista a web das nosas Bravas: www.bravasdomar.opromar.com onde podedes descargar o libro en GALEGO e ESPAÑOL, así como acceder ás ENTREVISTAS ás nosas protagonistas.

#EUSONBrava son historias de mulleres reais, en diferentes ámbitos relacionados co sector pesqueiro. Un sector masculinizado ó longo do tempo, e que aquí se vai escribir en feminino. Porque se busca que o futuro supoña un cambio, e que as que veñan detrás non teñan dúbida algunha da súa valía e que poidan ser o que desexen.

Esta é unha pugna por visibilizalas, por darlles o lugar que merecen, o lugar que lles pertence por loitadoras, por valentes, por BRAVAS.

A versión web en galego pretende ofrecer unha viaxe para o alumnado de 6º de Primaria e 1º da ESO de centros da Comunidade Autónoma de Galicia que se queiran apuntar a participar.

Por agora contactouse con centros de Marín e arredores (Pontevedra e Bueu) mediante envío de e-mail de invitación a sumarse a esta iniciativa onde alumnas e alumnos aprenderán sobre pesca a través de protagonistas femininas que lles mostrarán o papel da muller no sector e permitirá visibilizala, co obxectivo claro de “faenar” cara á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres na pesca.

Quérese convidar a todo aquel centro que o desexe a contactar con bravasdomar@opromar.com para sumarse á iniciativa, que pode ser desenvolvida dende o departamento de galego ou polas titoras e titores como temática transversal de traballo.

Esta iniciativa está incluída no PPeC de OPROMAR 2020, cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMP.

 

 

 

NOTICIAS RECOMENDADAS